Unha
turbia política cara a ningures
Xosé Carlos Arias
Desmoralizadas,
crecentemente enoxadas fronte o que xulgan como consecuencias inxustas da
crise, ás veces desesperadas: cando xa teñen trancorrido case cinco anos desde
o comezo do desastre, unha boa parte das sociedades europeas mostran un enorme
grao de fatiga diante dunhas políticas económicas cuxo único froito tanxible é
ter devolto á maioría delas a un estado de contracción aguda. A segunda recesión
en catro anos, algo que dun xeito xeralizado non se producía desde hai mais de
medio século. Non é raro que as tendencias ó conflicto social vaian cambiando
de escala, ainda que o fagan dun xeito lento, pois a presencia do medo é outra
patoloxía que atenaza as reacciós de amplos sectores. Con ese trasfondo, o
escenario político se fai cada vez mais turbio e en certa medida ingobernable:
o resultado das recentes eleccións italianas é a mellor mostra delo, poidendo
interpretarse ademais como un anuncio do que poideramos ver moi cedo noutros países.
Polo demais,
vai xurdindo cada vez de maneira mais visible un sentimento antieuropeo, ou
cando menos unha gran desconfianza sobre a UE e as súas políticas. Así o
mostran os resultados dun recente Eurobarómetro: si en 2007 a diferencia entre
os que os que confiaban e os que desconfiaban na UE era positiva en todos os
países da Eurozona, en 2012 ocorría o contrario, agás en dous, Estonia e Malta:
por mencionar os casos mais relevantes, en Francia esa diferencia pasou de 10 a
– 22; en Alemania, de 20 a -29; en Italia, de 30 a -22; en España, de 42 a -52.
É claro, a partires destes datos, que de prolongarse ese estado de ánimo, o
proceso de integración europea non poderá resistir moito tempo.
A dureza da
realidade trae consigo que nos últimos meses se teña extendido moito a
avaliación como gravemente equivocadas das actuais políticas económicas
aplicadas en Europa –recórdese: austeridade fiscal compulsiva e xeneralizada e
introducción de reformas a longo prazo nun contexto de caída da demanda que as
fai insostibles-, participando agora dela mesmo algúns dos que hai pouco as
defendían. Este punto ten moito que ver co profundo debate de ideas económicas
que se está a producir en todo o mundo. Agora, por exemplo, non é raro escoitar
en ámbitos ortodoxos argumentos que hai catro ou cinco anos eran absolutamente
demonizados: a conveniencia de introducir controles de capital; ou de limitar a
independencia dos bancos centrais; ou mesmo –a peor das heterodoxias-, a necesidade
de monetizar os déficits públicos. Despois de moitas dúbidas, das idas e voltas
dos últimos anos, parece que o
panorama do razonamento económico está mudando en serio, deixando atrás unha
parte do diccionario das ideas recibidas.
Pois ben,
nese contexto é particularmente importante a revisión da noción de “austeridade
expansiva”, moi compartida entre os economistas no paradigma anterior á crise.
Hasta hai menos dun ano moitos aceptaban ós cálculos feitos polo Fondo
Monetario de que o valor do chamado multiplicador fiscal era de escasamente un
0,5 % (é dicir, que cada punto de recorte orzamentario reducía o crecemento en
medio punto porcentual). Pero resulta que o propio FMI ten revisado eses
cálculos dun xeito radical, pois agora se fala dun rango de impacto entre o 0,9
e un 1,7 %. Unha cuestión que pode semellar puramente técnica, pero que ten
implicacións de gran trascendencia: a pegada contractiva da política fiscal que
se está practicando sería moito maior do que se pretendía. A actual deriva abertamente
recesionista da maioría das economías europeas queda así perfectamente
explicada: difícilmente podería ter ocorrido outra cousa. Como ten demostrado
recentemente un dos principais coñecedores da economía europea, Paul de Grauwe,
obsérvase unha inquedante regularidade: á maior intensidade dos axustes, maior
tamén a contracción económica.
Pero non solo
eso. O propio obxectivo da consolidación fiscal e reducción do déficit e a
débeda pública se vai facendo de
cumplimento imposible: noutro lugar temos feito unha analoxía desta situación
paradoxal co vello siloxismo de Aquiles e a tartaruga: por moito que forcemos o
ritmo da pretendida reducción do déficit, dado que elo producirá unha reducción
da recadación, acadar aquel obxectivo non estará mais perto, senón mais lonxe.
Algo asombroso: o paradoxo total feito realidade. A partires de ahí, defender
esa política solo pode ser cuestión de (mala) fe.
Polo demais,
a medida que avanza 2013 a política macroeconómica na UE vai quedando mais sola
no conxunto do mundo desenvolvido. Porque ésta é outra novidade importante dos
últimos meses: non é certo en absoluto que o modelo que se nos impón sexa o
único posible. De feito, as outras dúas potencias económicas –Estados Unidos e
Xapón- practican agora mesmo políticas de matriz moi diferente á europea. No
caso norteamericano, é ben sabido que a despois dun primeiro momento no que as
súas políticas fronte a crise coincidiron coas europeas –buscando ambas dúas un
pulo da demanda para evitar o colapso-, a partires de maio de 2010 a estratexia
se fai diverxente ós dous lados do Atlantico: nos Estados Unidos o protagonismo
fundamental correu ó cargo da Reserva Federal que mantivo unha liña constante
de forte expansión da liquidez (o que levou a multiplicación por tres do seu
balance). Respeito da política fiscal, resultou mais matizada e si se quere
neutra; pero é interesante suliñar que –pesia todas as contradiccións e tensiós
políticas originadas ó redor do chamado abismo
fiscal- o efecto económico da estratexia orzamentaria da administración
Obama foi como mínimo neutral, sen favorecer en absoluto un retroceso económico
xeral.
No caso xaponés as diferencias co modelo
europeo son moito mais abertas, hasta o punto de que cabería falar de direcciós
contrapostas. O novo goberno de Shinzo Abe ten definido unha líña de
intervención económica moi lonxana do convencional, case un experimento.
Básicamente busca usar todos os recursos da política –fiscais, monetarios, de
tipo de cambio, estructurais- para alonxar ó país da senda que o caracteriza
desde hai unha década: a deflación. Trátase dunha política virulentamente
expansiva, que é pronto para xulgar, pero á que haberá que recoñecerlle cando
menos o seu serio intento de ataxar o verdadeiro problema do país: a
instalación da súa economía no estancamento. E resulta curioso constatar que,
despois duns primeiros momentos de solpresa, críticas destempladas e mesmo
sorrisos displicentes, a reacción que esta política vai acadando por parte das
axencias internacionais e mesmo dos mercados de capitais é bastante favorable.
Constatamos
pois que, a mediados de 2013, son tres os modelos de política macroeconómica
que existen no conxunto dos países desenvolvidos. E inmediatamente se fai
obrigado anotar tamén que os peores resultados económicos agora mesmo
corresponden ós países europeos; é mais, as comparaciós internacionais o
respeito das predicciós a curto e medio prazo feitas por todo tipo de
organismos son asimesmo desfavorables. Tamén desta conclusión xurden argumentos
moi fortes en contra da deriva europea, cada vez mais aillada e marxinal, pero
convertida na principal ameaza para a recuperación global. Non é raro que sobre
os gobernantes europeos se multipliquen as presiós para un inmediato cambio de
rumbo procedentes do resto do mundo.
Pero, cando
menos polo momento, os países da eurozona insisten nesa traxectoria perversa, e
en algúns puntos mesmo se pode decir que a reforzan. ¿Cómo explicalo?. Tal é a
entidade do enigma que probablemente verbo deste asunto haberá en non moito
tempo unha biblioteca completa. Con todo, cabe destacar un par de razós. A
primeira é que semella que estamos diante dunha estratexia de fondo consistente
en utilizar as debilidades dos países da periferia para obrigarlles a aceptar
reformas estructurais que, en otro caso, nunca sairían adiante: de feito, ésa é
a posición expresa do BCE que desde hai un par de anos intercambia reformas por
operacións de liquidez en circunstancias de urxencia. Todo elo respostaría á
idea –moi asentada en gobernos como o alemán ou o holandés- de que para
competir nos mercados globais e evitar as deslocalizacións é necesario que as
economías europeas ofrezan salarios moito mais baixos. A devaluación interna
sería, polo tanto, unha necesidade nunha perspectiva de longo prazo.
Pois ben, sen
negar que un certo axuste nas rentas pode ser obrigado para recuperar
competitividade internacional e para favorecer o axuste cando non se dispón do
mecanismo da devaluación, fiar a eso o futuro do sistema productivo non pode
levar mais que o desastre. Porque se algo destacan as modernas teorías do
crecemento é que a verdadeira fonte sana da competitividade debe buscarse nas
melloras na innovación, no capital humán, na configuración de institucións
inclusivas…. exactamente todo aquelo que se está descosendo coa liña de
recortes indiscriminados. Nese sentido, cabe dicir que trátase dunha política
dirixida exactamente a ningures.
Claro que
desde Alemania repítese insistentemente que a súa economía xa avanzou por ese
camiño de reformas hai unha década (ainda que se esquece con frecuencia que esa
reformas se fixeron nunhas condiciós moi diferentes, con políticas monetarias e
fiscais expansivas ó seu servicio). Este feito apunta cara á segunda razón,
cecais mais importante: as diferencias de percepción sobre a conveniencia da
austeridade radical non están tanto nos gobernos, como nas sociedades. Outra
interesante enquisa recente (Fundación BBVA: Values and Worldviews, marzo 2013) revela que mentres en España,
por ejemplo, o 58,7 % da poboación pensa que a prioridade sería aumentar o
gasto para estimular o crecemento, fronte o 21 % que cree o contrario (41,4 %
fronte a 26 % no Reino Unido; 42,6 % fronte a 38 % en Italia), en Alemania un
51 % cree na urxencia dos axustes, contra un 31,7 que ten a preferencia oposta.
E sobre todo, cando se pregunta se os países do sur de Europa son responsabeis
directos da actual crise, o 88,5 % dos holandeses, e o 83,9 % dos alemanes
responden afirmativamente. Estas diferencias, que teñen que ver obviamente co
diferente impacto da crise nuns países e outros, pero tamén con profundas razós
culturais, entorpece seriamente calquera posibilidade de reorientación
política, sobre todo en contextos electorais complicados como o que está a
vivir Alemania.
Para encarar
esas dificultades, unha proposta obvia sería a de reforzar a capacidad de
decisión dos propios órganos comunitarios, por riba dos intereses de certos
países. Sen embargo, o que nos últimos dous anos se tén visto é o movemento
contrario: o impulso do intergubernamental. Desa maneira, órganos como o xa
célebre Ecofín (que agrupa os ministros de Economía e Finanzas) ten agora mais capacidade resolutiva
que en calquera outro momento do pasado. A súa catastrófica xestión do problema chipriota será recordado por moitos anos
como un exemplo do que non se debe facer en ningún caso para abordar unha crise
financieira, e mostra ben ás claras que boa parte das decisiós que se están
tomando non respostan en realidade a ningunha estratexia clara, senon que se
chega ó absurdo de poñer en risco gratuitamente ós propios países que a
impulsan, por mor de que impera o desconcerto, a inercia doctrinal ou o puro
medo.
O resultado:
o drama que non cesa en tantos países, coas sinistras formas do empobrecemento,
o deterioro dos servicios básicos, a ameaza moi real sobre o Estado de
benestar, e quén sabe se tamén sobre a propia idea de democracia. Cando por fin
a política mude de rumbo -¿despois das eleccións alemanas?; ¿cando como xa se
anuncia o corazón do desastre avance por territorio francés?-, o único que se
poderá decir dela en positivo é que terá favorecido o inevitable proceso de
desapalancamento xeneral da economía. Mais será a un coste tal que tardaremos
bastantes anos en recuperarnos e lambernos as feridas.